|
|
|
|
| Acceso restrinxido |
|---|
| Sindicación |
|---|
Inicio
| Por unha xustiza sen venda nos ollos |
|
|
|
| Luns, 18 de Xaneiro de 2010 | |
|
POR UNHA XUSTIZA SEN VENDA NOS OLLOS.
Adoita representarse a Xustiza como a figura dunha muller impasible cos ollos vendados, sostendo unha balanza nunha man e coa outra empuñando unha espada en posición de descanso. Os romanos tomaron esta deusa grega Themis e transformárona na súa Iustitia. Velaí o significado desa simboloxía: os ollos vendados para representar a súa imparcialidade; a balanza que reflicte o equilibrio á hora de sopesar o que se xulga e a espada, en descanso, que demostra que só se debe castigar se é preciso. Esta simboloxía encerra, polo tanto, os requisitos básicos que agardamos de calquera decisión xudicial.
Porén, no devir diario estamos asistindo, con máis frecuencia da desexada, a fallos xudiciais que, como profanos, nos deixan abraiados, porque parecen atentar contra o máis elemental sentido común.
Voume referir ao desastre do río Catasol de Melide do que se acaba de producir o primeiro fallo xudicial. Para iso cómpre refrescar un pouco a memoria dos sufridos lectores.
Mediaba setembro de 2007 e a Asociación de Troiteiros “Río Furelos” de Melide daba a voz de alarma. Nun treito de dez quilómetros do río Catasol, as troitas e peixes aboiaban mortos nunha cantidade que, despois da contaxe de varios días, sobrepasou as catro mil pezas. Aviso inmediato á gardería, mobilización do SEPRONA, denuncia diante da garda civil... Non fixo falta un equipo de CSI para dar coa orixe de tal mortaldade. Dende unha granxa porcina próxima ao río, os depósitos de purín eran aliviados vertendo o seu contido a través dunha mangueira que rebordaba o cerrado da finca para abocar directamente no río. Por outra parte, axudados polos gardas, fixemos unha meticulosa recollida de troitas, certificada pola propia gardería, en presenza de testemuñas e máis testemuñas. Visita de autoridades ao lugar do “crime”: Delegado da Consellería de Medio Ambiente, Alcaldesa de Melide, Concelleiro de Medio Ambiente... Ampla cobertura mediática: prensa, radio televisión... que recolleron as contundentes manifestacións públicas do Concelleiro de Medio Ambiente de Melide nas que anunciaba que o Concello se ía personar na causa como acusación particular... E unha vez todo en mans da xustiza agardar o seu ditame.
Pois ben, dous anos despois, falou a Xustiza. Os que asistimos ao xuízo xa sabiamos que os compromisos públicos adquiridos polo Concelleiro de Medio Ambiente de Melide de presentarse na causa como acusación particular non se cumprirían. Así foi, no xuízo o Concello de Melide brillou pola súa ausencia e co seu acto de omisión, nunca xustificado ante a opinión pública, preferiu mirar para outro lado antes de velar polos intereses de todos.
Por outra parte, o fallo do xuízo só se pode entender dende unha interpretación pintoresca da simboloxía da xustiza coa que comezaba esta reflexión. Xa di o refrán que “non hai peor cego ca o que non quere ver”. Despois de declarar testemuñas, membros da gardería
que viron cos seus propios ollos o corpo do delito e axudaron no reconto das troitas mortas; despois de seren presentados informes analíticos das augas, elaborados por funcionarios da Consellería, que non foron contradecidos nin impugnados polos letrados dos acusados, nos que se demostraba a letal contaminación da auga... despois de todo isto, a Xustiza declara inocentes aos acusados. Hai que ter os
ollos moi vendados para negarse a ver as evidencias. Ese día a balanza da Xustiza estaría enferruxada? Non se inclinou a favor da verdade e do dereito que lles asistía aos demandantes por moito que pesasen as probas e evidencias en contra dos acusados. E ante este fallo o Concelleiro de Medio Ambiente segue calado coma un peto.
Agora ben, aínda non chegamos ao remate do camiño. Contra a resolución fica o dereito de apelación. Esta foi presentada o pasado tres de novembro pola fisgala do
caso. Oxalá con ela sexa quen de lle tirar a venda dos ollos á deusa Xustiza e co seu ditame o resto dos mortais poidamos seguir as nosas vidas acreditando un pouco máis na súa invulnerable imparcialidade, porque ante un destrozo de tal magnitude producido con semellante aleivosía, concordarán vostedes comigo, en que a espada da xustiza non debería seguir en descanso. Así pois, agardemos confiados baixo a protección da deusa Themis.
Presidente Asoc. Troiteiros “Río Furelos”
Asdo: Xavier Pazo Blanco
Melide, 3 decembro 2009
Artigo escrito polo noso "Presi" Xavier sobre o xuizo polos vertidos de purin no Río Catasol do ano 2007 e publicado na revista especializada de pesca "TRUEIRO" e no xornal "CERNE". |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|



